O concesionario de vehículos da marca Hyundai seguirá sendo o patrocinador principal na tempada de baloncesto 2023/2024.
“Esta colaboración supón un impulso fundamental para o proxecto feminino do noso club”, dixo o seu adestrador Víctor Fernández.
A empresa Hyupersa Santiago vén de renovar este pasado 11 de outubro o convenio de colaboración coa Asociación Deportiva Manuel Peleteiro (ADM Peleteiro) polo que seguirá sendo o principal patrocinador do equipo sénior feminino de baloncesto durante a tempada 2023-24.
Para oficializar o acordo, reuníronse representantes de ambas as entidades no concesionario da marca Hyundai en Santiago. En concreto, ao acto asistiron Ana Martínez miembro da directiva da ADM, o adestrador do equipo Víctor Fernández, xogadoras do equipo sénior feminino (Sara Carreira, Yara Costas, Lucia Pumares, Beatriz Lago, Andrea Casuso) e Guillermo Mouronte, xerente do Hyupersa Santiago, Marcos Puente, director comercial da concesionaria, e tamén contamos coa presenza de César Rodríguez director de área de HYUNDAI MOTOR SPAIN
“Queremos agradecer a Hyupersa o seu compromiso co baloncesto feminino, en concreto ao noso club. Esta renovación supón un impulso fundamental para o noso proxecto feminino na categoría sénior e permítenos seguir competindo nunha liga tan esixente como a 1a División Nacional Feminina”, afirmou Víctor Fernández durante o acto.
Cabe lembrar que este equipo conseguiu chegar ás semifinais na tempada 21-22, a un paso de competir na fase de ascenso á Liga Feminina 2, e quedou quinto na tempada 22-23.
“Para Hyupersa Santiago é fundamental apoiar todos os deportes en xeral, pero estamos especialmente orgullosos de poder axudar ao baloncesto feminino, que tanto éxito está a acadar, constitúe unha aposta ineludible para o noso concesionario”, dixo Guillermo Mouronte durante o acto.